O nacemento do colectivo Verticalia é todo un acontecemento no noso territorio porque supón a suma de forzas de catro artistas vinculadas á danza e ao circo, catro artistas para as que non existen fronteiras entre unha cousa e a outra. Elas son Marta Alonso e Paula Quintas (cía trasPediante) e Raquel Oitavén e Mercè Solé (cía Duelirium). Coa estrea de <Alma (non é hippie)> ábrese o TRCDanza 2019 por todo o alto. Porque a súa é unha proposta de altura construída a partir dun elemento principal: unha corda que colga do ceo dun teatro. Danza, verticalidade e poesía. Coa dirección de Rolando San Martín e o apoio de PistaCatro Productora, este proxecto desenvólvese coa axuda da AGADIC, Xunta de Galicia.

Pablo Reboleiro Rama, un dos artistas de circo máis recoñecidos do territorio, recolle o seguinte pretexto que inaugura as publicacións de 2019 do TRCDanza, a súa visión do que supón a estrea de <Alma (non é hippie)> no noso teatro este venres 1 de Marzo.