(Foto: Mila Ercoli)
POR IVÁN FERNÁNDEZ / 21 AGOSTO 2021
Quedamos con Marta Alonso Tejada (Ourense, 1983) para falar de danza e de teatro, de Bailar Agora (primeira peza de danza candidata aos Premios de Teatro María Casares) e dos novos proxectos nos que anda bailando. O primeiro, Marta, parabéns polas candidaturas aos Premios de Teatro María Casares. Como estás a vivir este momento? Moi emocionada! Para min é algo súper sorprendente. Cando nós fixemos a peza, falamos da posibilidade de presentar Bailar Agora para os María Casares, pero máis coma un soño, coma unha posibilidade para que a peza tivese algo máis de sona. Con este ton de medio broma, presentei a candidatura, pero non a colleron. Rexeitárona precisamente polo feito de ser danza, pero dixéronme que podía presentar alegacións. Nese momento, na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) xa estaban falando internamente da posibilidade de cambiar as bases para abrir os Premios a outro tipo de propostas. Entón eu escribinlles unha carta onde dicía que Bailar Agora é danza pero tamén é teatro e moitas outras cousas, e que podía ser o momento de “bailar agora” e dar xa o paso de incluír outras propostas escénicas nas candidaturas. Penso que é moi importante poñer en valor que son os premios das artes escénicas en Galicia e que se non estamos todas incluídas, isto vai en detrimento da nosa cultura. E aí foi que nos colleron.
Ademais, es tamén finalista aos Premios como actriz secundaria por DreamingJuliet, de Elefante Elegante.
É algo tamén moi emocionante. Estou moi ilusionada, como se isto xa fora o premio. Non son capaz de mirar máis alá da emoción. Ao ser finalista como actriz e eu vir do mundo da danza, póñome nun lugar onde me pregunto, “pero entón eu que son?”, como danzando entre bailarina e actriz. Tamén acontece que sentín moita ilusión por parte da Asociación por abrazar a danza. Hai un punto no que me vexo facendo activismo a prol da danza, como cando tiven que demandar ao Concello de Ourense.
Que aconteceu?
En Ourense tiñamos a estrea de Bailar Agora, que se paralizou pola crise do COVID. Despois programamos unha segunda estrea en outubro, que foi cancelada coa mesma escusa, xusto unha semana antes da data. Tivemos moita sorte de poder facelo en Negreira, con tan pouco tempo. Estou moi agradecida á axuda e a confianza de Manu Lago para poder resolver todo o que estaba previsto (dotación técnica, gravación do vídeo da peza…) con tan pouca marxe.
Con Ourense aínda houbo unha terceira vez, na que tiñamos a función contratada para abril e foi cando sacaron a publicación de que non se ía volver abrir o Auditorio, do que non tiven comunicación por parte do Concello. Intentamos falar con eles pero non houbo solución. Foi entón cando fixemos a demanda.
Volvendo a Bailar Agora, quería preguntarche pola súa orixe.
Chegou coa maternidade. Eu viña de traballar moito, nun intre no que xa non sentía moita paixón polo que estaba a facer. Mais coa chegada da maternidade, abríuseme un mundo de emocións, unha emoción dolorosa e ao tempo moi bonita. Foi tamén o momento no que sentín por primeira vez o machismo na miña vida. Tiven que tomar moitas decisións moi importantes, rexeitar proxectos, etc.
Xusto nese momento, fun consciente da miña necesidade de bailar. Como creadoras, o noso traballo está conectado coa vida e se ti non sentes que estás a vivir, non hai nada do que tirar para crear. Así chegou a necesidade de poñerme a bailar e defender o meu desexo, sendo moi consciente de que a min, o que me salva é a miña identidade na danza. Antes, eu pensaba que non tiña nada importante que contar como para facer un espectáculo e, de súpeto, decateime de que subirme a un escenario é máis reivindicativo que nunca. E decidín loitar por facelo.
Foi un traballo no que me sentín súper acompañada, moi ben rodeada dun equipo co que quería traballar. Malia que tódolos ingredientes xa estaban aí (bailar moito, que houbese humor, falar da muller…) foi aparecendo todo no meu primeiro encontro con Pablo Reboleiro e Victoria P. Miranda, en Madrid, a través dunha improvisación na que fixen unha especie de “pinchada” da miña vida. Emocionámonos moito (e Marta aínda se emociona cando o conta) e aínda que exploramos outros camiños, quedou claro que ese era o que queriamos seguir.
Porque, que é Bailar Agora? Estar no teu centro, conectada e para iso cómpre facer unha revisión persoal.
Que novos camiños se abren logo de Bailar Agora?
Continuando con Bailar Agora xorden dous desexos: por un lado, a “rave” de señoras, que fixemos logo da presentación no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña e na programación expandida do TRC Danza. É unha inquedanza que nace da pregunta “que é unha señora?” e que xa aparece en Bailar Agora. Está a necesidade de atoparnos nun lugar onde quedar coas túas colegas e bailar, un espazo de liberdade.
Por outra banda, está Dancin’ Queen, que ten que ver co desexo de contaxiar danza. Outra vez a necesidade de bailar pero tamén o asunto do contaxio como algo ligado ao rito. Indagamos no humor e na danza de outro xeito, coa idea de lograr que o público se erga e baile con nós. Para desenvolver esta idea conto coa axuda de David Loira e Paula Quintas, entre outros dunha fermosa equipa.
Por último, tamén está Coach, que é un espectáculo pensado para espazos non convencionais, un traballo conxunto con Pablo Reboleiro e que conta coa axuda das subvencións da AGADIC. É un achegamento entre a danza e o circo, cunha escenografía que será tamén elemento do espectáculo e ao tempo unha sorpresa moi especial (que non podemos aínda desvelar, pero podemos adiantar que terá que ver co aire) e que agardamos sexa do gusto do público.
Comments