Estou agradecidísima a Ivñan Fernádez e á revista Erregueté Gal por estas palabras e este espacio para Bailar Agora. Link do artigo: https://erreguete.gal/2020/11/16/bailar-agora/
Danzando coa luz
| Iván Fernández | | Foto: Mila Ercoli |
Benvidxs a unha viaxe no tempo. Unha viaxe que faremos bailando. Poñédevos por favor as vosas zapatillas, as máis cómodas, as de deporte ou as de ballet. Estades preparadxs? Acendamos a luz.
Bailemos agora. Comecemos a danza seguindo os pasos de Marta Alonso Tejada, que nos conduce por esta viaxe dancística e emocional coa man dunha experta condutora (ou o pé?). Non pode ser menos, xa que a viaxe que comezamos decorre polos recantos da vida da propia bailarina/actriz, e ninguén mellor que ela para guiarnos.
Esta viaxe está chea de sorpresas e emocións. De encontros coa súa nena, coa Marta que comezou a bailar seguindo os pasos da súa nai e que pronto ficou pendurada nas ás do ritmo. Un ritmo que, ás veces, podía ser prisión e do que se tería que soltar para poder bailar, para poder ser libre, para poder voar de verdade. Encontros co tempo pasado en milleiros de cursos ata decidir que xa abonda, que o tempo é chegado para poñerse do outro lado. Encontros coa Marta/nai que atopa na maternidade os azos para saltar á escena e… bailar. Bailarse. Bailarnos.
Non pensedes por un intre que a viaxe persoal de Bailar agora vainos levar polos camiños trillados do ballet. Ou ben, si. Dende logo que hai ballet, pero só para amosarnos a base sólida dende a que Marta Alonso Tejada construíu o seu presente de bailarina/actriz, o lugar dende onde poder dar o chimpo ata a propia persoal creación.
Bailar agora é unha entrega total de xenerosidade. Atoparemos bágoas, suor e moitos, moitos zapatos. Mención especial merece o traballo na luz de Laura Iturralde, que fai, directamente, que Marta Alonso Tejada baile con ela, nunha vertixe lumínica, emocional e sonora durante a que nos podemos meter nas tripas da nosa guía. E que nos regala este momento tan íntimo coma universal.
Á fin, eu saio de Bailar agora querendo bailar, saltar, chimpar e voar igual que fai Marta. Bailar coa luz e coas emocións. Deixar falar o corpo e meter ao público no peto cun dos seus sorrisos, co intelixente manexo do humor e os referentes. Pode haber aínda máis? Si, dende logo: a música de Troye Sivan e ver como, literalmente, Marta Alonso Tejada despega do chan.
Bailar agora, Marta Alonso Tejada / Traspediante
Autoría: Victoria P. Miranda, Marta Alonso Tejada e Pablo Reboleiro Coreografía e movemento: Victoria P. Miranda Dirección: Marta Alonso Tejada Asistente de dirección: Pablo Reboleiro Vestiario: Uxía P. Vaello Deseño de iluminación: Laura Iturralde Espazo sonoro: Xavier Bértolo Vídeo: Ángel Sousa Deseño gráfico e web: Manu Lago Produción: Marta Alonso e Manu Lago Coproduce: Centro Coreográfico Galego, AGADIC Colaboran: Teatro Ensalle, Concello de Nogueira, Auditorio Municipal de Ourense, Centro Dramático Galego, Galicia Danza Contemporánea, Pistacatro
XV Festival ‘Catropezas’. Teatro Ensalle, Vigo. 31 de outubro de 2020.
Comments